“Da Terra do Ribeiro da Avia, como lle gustaba dicir a Otero Pedrayo
por ser consecuente coa documentación medieval, comezamos a ter noticias
arredor do final do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que
coñezo é do ano 1325, nun documento de San Clodio que asina «Afonso Rodrigues
notario jurado en terra do Ribeyro da
Auia». A partir desta
data, as referencias son moi numerosas. A Terra
do Ribeiro da Avia era
unha das xurisdicións baixomedievais que resultara da escisión doutra
circunscrición máis antiga, a da Terra de Castela, terra que agrupou ata o século XII
todo o que son agora as comarcas do Ribeiro e O Carballiño. Esa Terra do Ribeiro da Avia,
como división administrativa, tivo unha vida relativamente curta, uns escasos
cento cincuenta anos. A derradeira noticia da mesma aparece no Libro de notas do concello
de Ourense, nun apunte de 1467, un ano moi importante na historia de
Galicia, o ano no que o pobo ó grito de ¡Deus
fratresque Gallaeciae! arremeteu
contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Irmandiña. A
nota di: «os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar
en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e
querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos». Unha das víctimas
daquelas revoltas foi a Terra
do Ribeiro da Avia. Nos novos señoríos xurisdicionais do século XVI xa non
estaba O Ribeiro da Avia;
desde entón, soamente a xurisdición de San
Clodio do Ribeiro de Avia mantería
o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase
entre diversas e pequenas xurisdicións, a maioría de señorío do Conde de
Ribadavia: Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, xurisdicións distintas pero que se recoñecían na práctica co nome
unificador de Condado de
Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior fama dos nosos
viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e
sobre todo fóra de Galicia, como viños de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdicional non foi
capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, concepto
que quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego a través da
fala. No ámbito xeográfico, a definición de Ribeiro ampliouse para acoller non só ás
terras das ribeiras do Avia, senón tamén as próximas correspondentes do Miño e
do Arnoia; no semántico, ribeiro pasou a significar especificamente,
non calquera ribeira, senón, de xeito específico, aquelas aptas para producir
viño. Así, por exemplo, o dicionario de Reguera (1840), un dos primeiros de
galego, define ribeiro como: “Ladera muy soleada a las
márgenes de algún río, en donde se produce vino, y frutas”. Cal é entón o
mérito do Ribeiro, dado o
común que resulta a voz? Pois xustamente iso, que cando a xente escoita ese
nome tan común, non pensa nun ribeiro calquera, senón nun viño e nunha terra:
nesta! Niso reside, meus amigos, o
recoñecemento do seu grande mérito.”
Frutos Fdz. Glez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario