O Entroido
de Viana é un dos máis antigos e tradicionais de Galicia. Os preparativos
comezan un mes antes, mais o día que realmente marca o inicio do Entroido é o xoves
de Compadres coas fariñadas, nas que os rapaces perseguen ás rapazas
para botarlles fariña, e o Lardeiro da Praza Maior, un boneco que fan as
rapazas con prendas que lles foron roubando a véspera aos rapaces. A semana
seguinte celébrase o xoves de Comadres, onde se inverten os papeis: as
vítimas das fariñadas pasan a ser os rapaces, e na praza aparece tamén a
Lardeira, elaborada con prendas femininas roubadas ás rapazas. A partir
deste día a festa entra no seu apoxeo: o venres e o sábado hai festa de
disfraces para todos na Praza Maior, o domingo Gordo é o día grande con pregón,
bandas de gaitas e desfiles, o luns é o día dos nenos, o martes hai de novo
folións, fariñadas e a queima da parella de Lardeiros e, finalmente, o mércores
de cinza faise a procesión e o enterro da sardiña.
A figura
principal do Entroido vianés é o boteiro, que precede aos folións
dando saltos coa súa “monca”, unha vara de cores rematada nunha borla que
utiliza para dar saltos e manter a raia aos espectadores que están a ver os
desfiles. O disfraz dos boteiros é espectacular: poden levar a cara tapada
cunha máscara de madeira de cor negra na que se debuxa xeralmente un sorriso
burlón ou un ricto demoníaco, e a cabeza cuberta cunha pantalla monumental de
estrutura de aramio, recuberta de papeliños de cores, formando as máis variadas
figuras. O resto do atavío consiste nunha camisa de liño branco adornada con
cintas de raso de todas as cores, pantalón vermello con flecos e un cinturón de
coiro do que colgan as chocas, que soan estrepitosamente cada vez que salta ou
corre polas rúas.
Os folións
son grupos de veciños de todas as idades das diferentes aldeas da bisbarra
que forman comparsas nas que todos levan o mesmo modelo de disfraz e desfilan
polas rúas tocando todo tipo de instrumentos de percusión: bombos, tambores, aixadas,
gadañas, martelos, cornos, etc. Parece ser que os folións teñen a súa orixe na
tradición de espantar trasnos, meigas e malos espíritos das aldeas.
Outras
figuras de obrigada aparición son a mula e o maragato. A mula,
que vai guiada por un maragato, compóñena dous rapaces que se dedican a dar
couces e perseguir nenos. Contan que en tempos pasados se subía ao seu lombo ao
cacique para que convidase a viño e viandas a todos os veciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario