17/11/13

O OUTONO NO RIBEIRO DA AVIA

 “Da Terra do Ribeiro da Avia, como lle gustaba dicir a Otero Pedrayo por ser consecuente coa documentación medieval, comezamos a ter noticias arredor do final do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que coñezo é do ano 1325, nun documento de San Clodio que asina «Afonso Rodrigues notario jurado en terra do Ribeyro da Auia». A partir desta data, as referencias son moi numerosas. A Terra do Ribeiro da Avia era unha das xurisdicións baixomedievais que resultara da escisión doutra circunscrición máis antiga, a da Terra de Castela, terra que agrupou ata o século XII todo o que son agora as comarcas do Ribeiro e O Carballiño. Esa Terra do Ribeiro da Avia, como división administrativa, tivo unha vida relativamente curta, uns escasos cento cincuenta anos. A derradeira noticia da mesma aparece no Libro de notas do concello de Ourense, nun apunte de 1467, un ano moi importante na historia de Galicia, o ano no que o pobo ó grito de ¡Deus fratresque Gallaeciae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Irmandiña. A nota di: «os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos». Unha das víctimas daquelas revoltas foi a Terra do Ribeiro da Avia. Nos novos señoríos xurisdicionais do século XVI xa non estaba O Ribeiro da Avia; desde entón, soamente a xurisdición de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas e pequenas xurisdicións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia: Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, xurisdicións distintas pero que se  recoñecían na práctica co nome unificador de Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior fama dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fóra de Galicia, como viños de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdicional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, concepto que quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego a través da fala. No ámbito xeográfico, a definición de Ribeiro ampliouse para acoller non só ás terras das ribeiras do Avia, senón tamén as próximas correspondentes do Miño e do Arnoia; no semántico, ribeiro pasou a significar especificamente, non calquera ribeira, senón, de xeito específico, aquelas aptas para producir viño. Así, por exemplo, o dicionario de Reguera (1840), un dos primeiros de galego, define ribeiro como: “Ladera muy soleada a las márgenes de algún río, en donde se produce vino, y frutas”. Cal é entón o mérito do Ribeiro, dado o común que resulta a voz? Pois xustamente iso, que cando a xente escoita ese nome tan común, non pensa nun ribeiro calquera, senón nun viño e nunha terra: nesta!  Niso reside, meus amigos, o recoñecemento do seu grande mérito.”
Frutos Fdz. Glez.