08/10/13

A VENDIMA NA RIBEIRA SACRA DO SIL

"Don Ramón Otero Pedrayo consideraba a vendima como paradigma do tempo feliz. Pensaba, ademais, que era tempo propicio para ler a Teócrito e a Virxilio. Porque o conxunto de traballos e rituais da vendima xa están nos clásicos: Homero, Hesiodo, Anacreonte, Teócrito, Virxilio…, todos lle cantan á vendima o canto do tempo feliz. Cando un le: 
«os mozos e as doncelas/ en cestas acuguladas/ van as vendimadas uvas / levando para as tinallas /../ ao nume da vendima/ coros alegres cantan» 
podería pensar en calquera vendima de hai algúns anos, pero estes versos da “Oda ó viño” foron escritos por Anacreonte seis séculos antes de Cristo. Logo, o cristianismo, ó recoller boa parte do antigo e riquísimo simbolismo das vides e do viño, común a diversas culturas, e converter en dogma a transformación eucarística do viño en sangue de Cristo, achegaría á xente moitas metáforas e parábolas relacionadas con este tema, destacando sempre o carácter alegre e festivo da vendima: 
«e saíndo ó campo, vendimaron as viñas, pisaron as uvas e fixeron unha festa» (Xuíces; 9,26). 
As escenas de vendima que se representan no mosaico do mausoleo de Santa Constanza, en Roma, unha obra do século IV, en pouco se diferencian das tradicionais vendimas de Galicia: as vendimadoras cortando os acios con ganchelas ou coitelas, os carrexóns levando ó lombo os cestos culeiros acugulados, o carro de bois coa súa tinalla de madeira para o transporte das uvas, os pisóns exercendo o seu oficio no lagar… Asombra esa constancia milenaria das labores e dos símbolos, pero son os “canteiros” (‘pedras prismáticas sobre as que se colocan as cubas’) nos que asentaron as liturxias da vendima, por esa razón perdurables co decorrer do tempo. Por todo iso, coma os clásicos, os nosos poetas celebraron o tempo feliz da vendima: 
«Arde en bulla o Ribeiro/…/É o tempo da colleita/…/Nos eidos, ¡qué alegría!/ Nas adegas, ¡qué bullas e que afáns!/ Nos lagares, ¡qué louca algarabía!/ ¡Qué sana toleiría/ nas horas dos seráns!» 
cantaba don Eladio no seu poema “A Vindima”; e Samuel Eiján, nos traballados versos de “Vida Sanclodiana”, definía aquelas vendimas do pobo: 
«La vendimia es…la calma regalada/ de pueblo humilde, manso, agradecido/.../ Es…el júbilo grato, placentero,// Es…la gran solución, firme, brillante,/ del problema peor de la existencia,/ que asegura al hogar pan abundante/…/ y promete al vivir tiempos mejores/»." 
Frutos Fdz. Glez.